ORA ET LABORA

A Orde Cisterciense supuxo unha revolución na Europa do século XII posto que aplicaban en sentido estrito o lema “Ora et labora”, facendo que os monxes traballasen coas súas propias mans a terra.

O traballo non só lles proporcionaba o alimento que precisaban, senón que a través do cultivo de plantas medicinais abastecían ao monxe boticario dos elementos cos que compoñer bálsamos, ungüentos ou emplastos que poñían a disposición dos seus vasalos.

Non esquezamos que no mosteiro existía unha compañía de soldados que convivían cos monxes e que a presenza dun médico, un cirurxián e un boticario era fundamental. Ademais, tamén atendían a un goteo constante de peregrinos , ao estaren situados no Camiño Portugués a Santiago, que chegaban varias veces infestados de parasitos e con variadas doenzas.

Juan Ozores “eL BOTICARIO”

En 1622 o Abade Cristóbal López contrata a Juan Ozores, veciño de a Guarda e de profesión boticario. Os monxes comprométense a dar vivenda e ración diaria a este, poñendo á súa disposición un monxe para que o axude.

O boticario residirá nunha vivenda no mosteiro, atendendo ao despacho e feitura das mesturas e medicinas, sen poder ausentarse, excepto con licencia expresa do pai Abade. O mosteiro pon á súa disposición todo o necesario para a botica e facilitaralle cabalería e acompañante se polo seu oficio tivese que saír.

Fonte: Tumbo do Real Mosteiro de Oia

A horta, dunha extensión aproximada duns 4.000 m2, sitúase detrás do mosteiro e na actualidade conserva a súa fisionomía orixinal, graduada en bancais cun sendeiro no medio que permite o acceso a cada un deles.