O MOSTEIRO DE OIA HOMENAXEA A D. GRATO AMOR E D. CARLOS DEL RÍO POLA SÚA INESTIMABLE ACHEGA AO CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA

Unha celebración moi emotiva, na que se puxo en valor a compoñente espiritual dun roteiro de interese internacional. O evento comezou cunha delicada danza na que Elsa Pereira trasladou con sensibilidade o espírito do camiñante e a conexión entre o corpo e a natureza.

O ‘III Recoñecemento Mosteiro de Oia’ quixo recoñecer o labor de D. Grato Amor e D. Carlos do Río a título póstumo, polo seu empeño en poñer en valor e lograr recoñecer oficialmente a través da Asociación Amigos dos Pazos, o que hoxe coñecemos como o Camiño Portugués da Costa a Santiago de Compostela. Un roteiro que hoxe existe como tal grazas ao empeño e o rigor dos homenaxeados, co seu incansable traballo de investigación sobre o seu trazado iniciado fai máis de catro décadas.

O Camiño Portugués da Costa entra en Galicia pola vila mariñeira da Guarda procedente do litoral luso tras cruzar o río Miño na súa desembocadura, para pasar a continuación polo Mosteiro de Oia gozando dunha liña costeira, escarpada e agreste sen igual. Un camiño de 162 kms en dirección norte que leva aos peregrinos a través de incribles paisaxes deixando atrás Baiona, Vigo ou Redondela ata o seu destino final en Santiago de Compostela. Este Camiño que destaca polo seu recoñecemento internacional e polo seu cada vez máis crecente número de peregrinos, pasou por un proceso de estudo e investigación, de trámites e oficialización que posibilitan que hoxe se poida gozar como tal.

D.Grato Amor recolleu a súa homenaxe persoalmente e dedicou unhas palabras ao público asistente. No caso de D. Carlos do Rio, falecido no 2003, foi a súa familia a que asistiu ao acto e recolleu con orgullo o sincero recoñecemento.

Ao acto acudiron Nava Castro directora de Turismo de Galicia, Cristina Correa alcaldesa do Concello de Oia, Antonio Lomba alcalde da Guarda, Xoán Martínez como máximo responsable do Mosteiro de Oia e anfitrión do acto, así como representantes da Asociación Amigos dos Pazos -entidade impulsora de importantes iniciativas ao redor dos Camiños de Santiago- e outras personalidades do mundo cultural.