O VIII Recoñecemento distingue a dous referentes da historiografía medieval galega pola súa contribución ao coñecemento da historia de Galicia, o mundo monástico e a sociedade medieval.

O Real Mosteiro de Oia celebrou o pasado 11 de setembro o seu VIII Recoñecemento, adicado este ano aos historiadores Ermelindo Portela Silva e Mª del Carmen Pallares Méndez, dúas figuras de referencia no estudo da historia medieval de Galicia.
O acto reuniu na Praza de Armas do Mosteiro a familiares, representantes institucionais, investigadores e persoas vinculadas á traxectoria dos homenaxeados. Durante a xornada, antigos alumnos e compañeiros lembraron o seu labor como profesores e investigadores, compartindo tamén anécdotas e recordos da súa etapa académica.
Unha vida adicada ao estudo da Galiza medieval
Ermelindo Portela, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, centrou a súa investigación na historia social de Galicia entre os séculos VIII e XIII, especialmente no territorio, a sociedade e as estruturas de poder medievais.
Mª del Carmen Pallares, catedrática ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela, desenvolveu unha ampla traxectoria investigadora sobre o mundo monástico, as estruturas de parentesco e o papel das mulleres na sociedade medieval.
Ambos desenvolveron tamén unha importante traxectoria de investigación conxunta e os seus traballos contribuíron a ampliar o coñecemento da Galicia medieval e da súa evolución histórica e social.
Durante o acto, Ermelindo Portela lembrou ademais o vínculo do Mosteiro de Oia coas súas investigacións desde os anos 70, unha relación que volveu poñerse de manifesto durante este recoñecemento.
O claustro do Mosteiro e os derradeiros descubrimentos arqueolóxicos
Como peche da xornada, tivo lugar unha visita especial ao claustro do Real Mosteiro de Oia, durante a que se presentaron os últimos descubrimentos arqueolóxicos realizados neste espazo.
A actividade permitiu achegar aos participantes os traballos de investigación que continúan desenvolvéndose no conxunto monástico e que seguen achegando novos datos sobre a historia e evolución do Mosteiro.
O VIII Recoñecemento do Real Mosteiro de Oia súmase así á iniciativa que cada ano distingue a persoas cuxa traxectoria contribuíu ao coñecemento, a conservación e a difusión do patrimonio cultural de Galicia.
