MAXÍN PICALLO RECIBIU O IV RECOÑECEMENTO MOSTEIRO DE OIA

Rodeado da súa familia, amigos e personalidades da cultura galega.

O evento celebrouse no claustro do Mosteiro, co fin de recoñecer e celebrar o traballo, dedicación e contribución do escultor Maxín Picallo ao cenobio cisterciense, e ao mundo da arte. Trátase dun escultor, que xa desde neno tallaba habilidosamente a madeira, e que máis tarde se trasladou a Santiago de Compostela para estudar na Escola de Artes e Oficios e ampliar a súa vocación, sendo alí alumno de Francisco Asorey.

Durante o evento, compartiuse a historia e vinculación do escultor co Mosteiro, que nacido en Troáns – Cuntis, trasladouse nun momento da súa vida a Tomiño, e de Tomiño chegou a Oia nos anos 70 para traballar algunhas esculturas que hoxe locen no Mosteiro.

A famosa escultura dos cabalos, traballada por encargo para ser a fonte do xardín do claustro que nunca puido ser terminada, e outras pezas que se atopan ao longo dos xardíns, foron obra de Maxín.

O Mosteiro de Oia quixo agradecer publicamente a contribución do escultor polo delicado traballo realizado na fonte, e por outros traballos relevantes tras anos de dedicación. Así mesmo, quixo recoñecer e poñer en valor os innumerables traballos que se poden gozar del en Galicia, a Comunidade Valenciana e noutros puntos da xeografía española. Este IV Recoñecemento vén dar continuidade ao primeiro entregado a D. Joan Salvador no ano 2019 como o último sobrevivente dos que foron presos no Mosteiro durante a Guerra Civil, o segundo foi recibido polo investigador Francisco Javier Costas Goberna, e o terceiro a D. Grato Amor e D. Carlos del Rio a título póstumo pola súa investigación e contribución ao Camiño de Santiago Portugués da Costa.