Familiares, autoridades e amigos recoñecen a traxectoria de máis de medio século dedicada á historia, á arqueoloxía e á defensa do patrimonio cultural do Baixo Miño.

Oia, 12 de setembro de 2025 – O Mosteiro de Oia acolleu un emotivo acto privado de recoñecemento a Xoán Martínez Tamuxe, investigador incansable e referencia obrigada para o estudo da historia, a arqueoloxía e o patrimonio do Baixo Miño.
Durante o evento, celebrado na Praza de Armas do Mosteiro, familiares, representantes institucionais e amigos do homenaxeado destacaron a súa traxectoria vital e intelectual. Tamuxe, de 94 anos, leva máis de medio século dedicado á investigación histórica e á divulgación cultural, con achegas fundamentais á posta en valor do patrimonio galego.
O acto comezou ás 12:00 h coa acollida dos convidados e unha interpretación musical a cargo da cantautora Su Garrido Pombo. Seguiu unha intervención de benvida de Sarah Barbará, coordinadora do proxecto de recuperación do Real Mosteiro de Oia, quen deu paso á alcaldesa de Oia, Cristina Correa. Pola súa banda, o director do Real Mosteiro de Oia, Xoán Martínez, subliñou o papel de Tamuxe como “voz viva da memoria do Baixo Miño”, antes de entregar o agasallo conmemorativo ao homenaxeado. Tamuxe, recibiu longos aplausos como mostra de gratitude e afecto.

Unha vida adicada á investigación e á cultura
Nado no Rosal en 1930, Tamuxe desenvolveu un intenso labor como escritor, investigador e divulgador cultural. Cofundador do Instituto de Estudios Tudenses, foi tamén conservador do Museo Arqueolóxico do Monte de Santa Trega e colaborador habitual de múltiples xornais e publicacións científicas. Autor de máis de trinta libros e centos de artigos, Tamuxe contribuíu á documentación e protección do patrimonio histórico, arqueolóxico e etnográfico da comarca.
Con esta homenaxe, o Mosteiro de Oia recoñece publicamente a súa traxectoria e a súa achega decisiva ao coñecemento da historia e da identidade cultural do sur de Galicia.
Sobre o ciclo de recoñecementos do Mosteiro de Oia
Cada ano, o Real Mosteiro de Oia organiza un acto para homenaxear a persoas que, a través do seu labor, contribuíron a preservar ou difundir a súa historia. Nesta séptima edición, a figura de Xoán Martínez Tamuxe únese á lista de nomes ilustres vinculados ao patrimonio e á memoria colectiva da comarca.
Algúns dos recoñecidos en anos anteriores tamén estiveron a acompañar a Tamuxe no día de hoxe.
