Un ano decisivo para o futuro do Real Mosteiro de Oia

O ano 2024 marcou un punto de inflexión na historia recente do Real Mosteiro de Oia. A súa VI Memoria de Sostibilidade recolle o traballo realizado durante este ano, no que se avanzou significativamente de cara á restauración definitiva do monumento, á vez que se levou a cabo unha das iniciativas culturais máis ambiciosas ata a data.

Os traballos arqueolóxicos foron protagonistas. Prolongados ao longo de todo o ano, achegaron valiosa información que permite avanzar no deseño dun proxecto de restauración rigoroso e respectuoso co pasado. A súa magnitude supuxo unha pausa na intensa actividade cultural que viña caracterizando os últimos anos, aínda que se mantiveron iniciativas emblemáticas como as visitas guiadas na Semana Santa ou a celebración do 400 aniversario da “A Treboada”, a defensa do Mosteiro fronte a un ataque pirata que xa é parte da súa lenda.

Como resposta ao desexo de seguir compartindo o legado do Mosteiro, a actividade cultural desprazouse á cidade de Vigo, onde se organizou a exposición “Un mosteiro, un mar de historia(s)”. A mostra, aloxada na sede de Afundación, permitiu por primeira vez levar a historia do Mosteiro fóra dos seus muros. Recibiu unha gran acollida por parte do público e dos medios, incluíndo publicacións destacadas como La Aventura de la historia e The Art Newspaper.

A exposición, organizada co apoio da Xunta de Galicia e o Museo de Pontevedra, foi tamén o escenario da presentación oficial do proxecto de rehabilitación e ampliación do Mosteiro, ante máis de 350 persoas.

O compromiso co medio ambiente e coa sostibilidade social, cultural e económica segue a ser o eixo vertebral do proxecto. Ademais das actividades divulgativas, continuouse coa monitorización do río Lavandeira no marco do Proxecto Ríos, e reforzouse o vínculo coa Rede Europea de Patrimonio Cisterciense, da que o Mosteiro de Oia é membro fundador.

Xoán Martínez, director do Real Mosteiro de Oia, destaca:

“Esta memoria dá conta dun ano decisivo. O inicio das grandes intervencións está cada vez máis preto, e esta pausa na actividade cultural non foi un retroceso, senón unha preparación. Á vez que avanzamos nos estudos, levamos a alma do Mosteiro a Vigo, para que máis xente coñeza, valore e defenda este patrimonio único.”

A VI Memoria de Sostibilidade pode consultarse na web do Mosteiro: https://www.mosteirodeoia.com/gl/memorias-de-sostibilidade/