A tenda online da editorial Serra da Groba xa está aberta: leva as historias do Mosteiro de Oia contigo

Un dos libros da nosa editorial serra da groba

A editorial Serra da Groba Edicións, promovida pola Fundación Bretal, estreou a súa nova tenda online, un espazo que permite mercar por primeira vez os libros inspirados na historia e na memoria do Real Mosteiro de Oia desde calquera lugar do mundo.

Ata o de agora, estas publicacións só podían adquirirse de forma presencial no Mosteiro, pero coa nova plataforma dixital ábrense as portas do patrimonio galego a lectores de todo o mundo. A iniciativa fai máis sinxelo acceder a contidos históricos, culturais e literarios vinculados ao cenobio, á vez que impulsa a súa difusión e conservación.

Descubre os catro libros dispoñibles

Unha oportunidade perfecta para empezar a túa propia colección e levar un fragmento do Mosteiro de Oia ata a túa casa. Podes facer a túa compra en: tiendafundacionbretal.com

  • A Figueira Máxica – Dalia González Pulido. Unha novela xuvenil en galego que mestura historia e fantasía. Artai e Briana descubrirán que o Mosteiro de Oia esconde un secreto que deberán desentrañar. Unha viaxe chea de maxia e aventura.
  • En 1939 nos vimos en Oia – F. Javier Costas Goberna. Unha rigorosa investigación sobre o período en que o Mosteiro foi campo de concentración durante a Guerra Civil española. O autor reconstrúe os feitos a través de testemuños de antigos prisioneiros e dos seus familiares, documentos recuperados e os vestixios conservados nos muros do propio Mosteiro.
  • Un monasterio vinculado al mar – Mayte Prieto. Unha obra que percorre os máis de 875 anos de historia do cenobio cisterciense fronte ao Atlántico. A súa autora combina erudición e sensibilidade para, a través da súa historia, explicar por que Oia é o único mosteiro do Císter á beira do Oceáno Atlántico.
  • Ruta do Císter en Galicia – María Berini Pita de Veiga. Unha guía para percorrer Galicia da man da orde do Císter visitando os quince mosteiros que aínda perduran.

A editorial Serra da Groba: cultura que nace en Galicia

A editorial Serra da Groba Edicións, creada en 2019 pola Fundación Bretal, ten como obxectivo investigar, promover e difundir o patrimonio histórico, artístico e natural da Serra da Groba, territorio compartido polos concellos de Oia, Baiona, Gondomar, Tomiño, O Rosal e A Guarda.

Serra da Groba é máis que unha editorial: é un proxecto cultural que apoia a investigadores e escritores, rescata historias esquecidas e poñen en valor o Real Mosteiro de Oia, un símbolo da identidade galega.

A tenda online non só permite mercar libros, senón tamén descubrir, aprender e compartir historias que falan de memoria, patrimonio e identidade galega.